lunes, 14 de octubre de 2013

Nova cacicada do PP de Dodro

Dodro, 14 de outubro de 2013. O pleno o pasado 10 de outubro segue a dar que falar. Logo das protestas e críticas do Colectivo Nacionalista por Dodro, o Psoe manifesta hoxe en nota de prensa que "de novo vemos ó verdadeiro alcalde do noso Concello actuar no pleno. Aquela persoa que se emocionou no seu discurso de toma de posesión cando colleu o bastón de mando (que el mesmo comprou esa mañá) e que abaneaba a bandeira da democracia dicindo que a súa función “é a de gobernar para todos, de axudar a todo aquel que o precise, e sempre coa lei na man”, agora non perde a oportunidade de facer un pleno ordinario sen contidos e, quince días despois, un pleno extraordinario en xoves, ás 9 da mañá incluíndo como último punto da orde do día (quitándolle importancia), algo que pode condicionar o desenvolvemento do concello de Dodro. Viva a participación veciñal!".
MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM A FAVOR DE FESBA
O Psoe de Dodro asegura que "o señor Alfonsín non dubida en asinar, xunto cunha empresa do Concello, un convenio urbanístico para unha modificación puntual do PXOM que beneficia única e exclusivamente a esa empresa, a cal, casualidade ou non, (cremos que máis ben non) participou activamente na súa campaña electoral. O que este alcalde fai é hipotecar a expansión do noso Concello para pagar favores, sen importarlle para nada Dodro. O Concello de Dodro conta cun PXOM recentemente aprobado (o PP abstívose na votación) que recolle un solo urbanizable industrial nas proximidades do enlace entre a Autovía AG-11 e a estrada provincial EP-3302 cunha extensión de 29.5 hectáreas. Mediante a sinatura deste convenio con esta empresa, o que se busca facilitar é a expansión desta empresa, pero non a ubicación de novas industrias que sería o que Dodro precisaría neste momento". A empresa é Fesba, e o convenio foi asinado por Marcelino Tubío Rodríguez en representación desta firma que se adica a comercializar produtos do mar.
Dende a Agrupación Municipal Socialista, finalmente, cuestiónanse "se esta devolución de favores non incluiría información privilexiada que lle permitira a esta empresa a adquisición de terrenos rústicos (a precio reducido) sabendo que nun corto período de tempo, o alcalde acadaría a recalificación dos mesmos para declaralos solos urbanizables industriais. Ademáis, se o día de mañá, calquera outro empresario da zona pide a recalificación de terrenos nas inmediacións das súas naves, tamén se levará a cabo a modificación do PXOM? Cantos polígonos industriais imos ter en Dodro? Tendo en conta o custe dese trámite (segundo cálculos do propio concello, máis de 400.000 euros), non sería mellor facer un desenvolvemento parcial do polígono e favorecer deste xeito a máis dunha empresa (como dixo no seu discurso de toma de posesión)".

No hay comentarios:

Publicar un comentario